A Unión Europea publicou en 2020 o seu último informe sobre Blue Economy, as cifras amosan a magnitude dun sector que en ocasións non é considerado dun xeito acorde ao seu tamaño. Un volume de negocio superior aos 750.000 millóns de € e mais de 5 millóns de empregos (datos pre-pandemia) requiren a necesidade de afrontar o futuro da economía azul ofrecendo garantías suficientes para a súa sostibilidade.

Neste sentido, a Comisión Europea valora como prioritaria a recuperación da total actividade da economía azul. O sector dos alimentos do mar, o turismo costeiro sostible, a bioeconomía azul ou as enerxías mariñas renovables son algunhas das áreas que se pretende potenciar dentro do amplo espectro que abrangue o termo de “blue economy”.

 

 

En verbas do vicepresidente primeiro da Comisión Europea e encargado do European Green Deal, Frans Timmerman: “Ter uns océanos sans é unha condición necesaria para unha economía azul próspera. A contaminación, a  sobrepesca e a destrución do hábitat e os efectos da crise climática ameazan a rica biodiversidade mariña da que depende a economía azul. Debemos cambiar de rumbo e desenvolver unha economía azul sostible na que a protección do medio ambiente e as actividades económicas vaian da man”.

Atendendo a isto, o pasado 17 de maio de 2021 a Comisión Europea fixo público o seu novo compromiso coa Economía Azul: “A new approach for a sustainable blue economy in the EU – Transforming the EU’s Blue Economy for a Sustainable Future”. Esta comunicación fixa tanto os obxectivos como os camiños para que a economía azul acade as súas grandes metas en relación coa “neutralidade climática” e a “contaminación cero”.

Esta recuperación -e transformación-, que incluirá a actividades tradicionais como a pesca, a acuicultura ou o transporte marítimo, debe estar liderada polo coñecemento (I+D+i) como eixo transversal a todas as actividades da economía azul para posicionar á Unión Europea como líder mundial en tecnoloxía oceánica. En resumo, búscase pasar de unha “economía azul” cara unha “economía azul sostible”.

O documento apunta ao desenvolvemento de enerxías renovables en alta mar baixo unha combinación de diferentes fontes enerxéticas amigables co medioambiente, incluíndo: a enerxía eólica flotante, a enerxía térmica, e tamén aproveitando as ondas do mar e as mareas para xerar ata unha cuarta parte da electricidade total consumida pola Unión Europea en 2050.

Dentro das posibilidades de inversión e financiación a considerar de cara a futuros proxectos pódese citar a financiación ofrecida polo Banco Europeo de Reconstrucción e Desevolvemento para proxectos de Blue Economy, o Fondo Europeo para Inversións Estratéxicas ou o novo Fondo Blue Invest, creado no ano 2020.

Asimesmo a economía circular ten un papel central na nova estratexia da Comisión, facendo fincapé na necesidade de non contaminar os océanos nin con plásticos (macro e microplásticos, especialmente os de un só uso) nin con outros elementos que adoitan a rematar nos océanos como os aparellos ou redes de pesca, que tanto danan a biodiversidade e os fondos mariños.

Por último, determínase a necesidade da descarbonización do transporte marítimo ou a transformación dos Portos cara unha dimensión ecolóxica e amigable coas contornas naturais nas que se localizan, entendendo que estes son cruciais para o desenvolvemento económico e cunha enorme capacidade tractora de impulso a outros sectores relacionados coa economía azul, destacando especialmente o seu potencial para que poidan ser empregados como centros enerxéticos.